Friday 10 de May de 2024

Comezan as obras de construción da senda peonil e ciclista entre os núcleos de A Susana e A Eirexe


A empresa adxudicataria iniciou as tarefas de movementos de terra

Esta semana comezaron os traballos de construción da senda peonil entre os núcleos de A Susana e A Eirexe (Boqueixón). Esta actuación, financiada pola Consellería de Infraestruturas, conta cun orzamento de 600.000 euros e o prazo de execución é de 6 meses.

“A empresa adxudicataria desta obra comezou xa cos movementos de terras para establecer esta senda peonil e ciclista. Esta nova infraestrutura permitirá mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Boqueixón, podéndose desprazar entre estes dous núcleos con total seguridade”, indica o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández, quen agradeceu a boa disposición da Xunta de Galicia para mellorar a seguridade vial nunha zona de elevado tránsito de peóns.

Esta senda de uso mixto (para peóns e bicicletas) terá un ancho mínimo de 1,8 metros e unha extensión de máis de dous quilómetros, divididos en dous treitos, discorrendo ao longo da AC-960. O primeiro deles esténdese entre os puntos quilométricos 0 e 0,810 (de A Susana ao polígono industrial de Sergude) e o segundo, entre os puntos quilométricos 1,170 e 2,250 (do parque empresarial ao núcleo de A Eirexe). Debido ao desenvolvemento destes traballos, acometeranse cortes puntuais nun dos carrís desta estrada comarcal.

A obra completarase coa instalación da correspondente sinalización horizontal e vertical. Tamén se executará o sistema de drenaxe de augas pluviais baixo a senda, así como a reposición e ordenación dos servizos afectados pola actuación.